Ana səhifə

Iniciativa lexislativa popular: castelao


Yüklə 15 Kb.
tarix15.06.2016
ölçüsü15 Kb.
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR: CASTELAO
Presidenta do Parlamento galego, señoras deputadas e señores deputados, convidadas e convidados a esta sesión plenaria:
Diciamos onte que o Parlamento de Galiza debía promover a declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto da obra de Castelao: gráfica, pictórica, literaria, xornalística, doutrinal, ensaística, etc. Demandabamos que todo o fondo artístico de Castelao pudese ser contemplábel e visitábel na súa integridade. Pediamos edicións masivas da súa obra escrita e plástica. Reclamabamos, en fin, un firme compromiso do executivo galego na socialización do necesario coñecemento e divulgación da obra toda do compatriota que mellor nos representou a todos os galegos no século XX.

Onte, señorías, foi hai 16 anos, exactamente o 14 de Outubro de 1999. A iniciativa que contiña estas demandas foi aprobada por unanimidade, mais padeceu a que poderiamos denominar síndrome de tantas Proposicións non de Lei: o sono dos xustos no arquivo documental desta Cámara. Tal aconteceu porque daquela declaración como BIC non se derivou a apertura dos correspondentes expedientes de protección que lle desen efectividade.


Hoxe, señoras deputadas, señores deputados, hónrome con ocupar de novo esta tribuna ao terme sido confiada por parte da comisión promotora da presente ILP a encomenda da súa presentación e defensa. Vén ela avalada por máis de once mil asinaturas recollidas por toda a Galiza. Esta voz colectiva certifica esa bondade de apoio social que tantas veces se reclama como garantía das posicións partidarias, e estou certa de que todos vostedes así o valorarán. Aventuro tamén que concordarán con dous principios que quero lembrar. O primeiro é o valor da historia como alimento fundamental da autoestima colectiva: mal se pode amar ou valorar o que non se coñece, e no caso que nos ocupa estamos a falar dunha ignorancia masiva sobre a personalidade galega contemporánea que máis contribuíu á conformación da conciencia social galega e que mellor representou -en todas as ramas da súa produción- o noso ser como povo singular. O segundo principio afilíase claramente á concepción moderna da cultura nacional: ela non se satisfai coa mención protocolar, coa efeméride vouga, co recoñecemento nominal que obvia a importancia de quen se homenaxea. Se Castelao é tan importante como para dar nome aos altos galardóns que a Xunta concede anualmente, demostremos, con feitos prácticos, con políticas concretas de difusión da súa obra, por que é tan importante, por que o seu nome achega tal cárrega de lexitimación simbólica. Do contrario, estamos manexando un significante ocultando o seu significado.
Perguntémonos, pois, ¿quen foi, quen é, Castelao? E disimulen a que consideren, talvez, impertinencia da pergunta. Estamos a falar dun dos primeiros socios das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos o ano próximo. As Irmandades que, reunidas na cidade de Lugo en Novembro de 1918, aproban e publican o Manifesto da I Asemblea Nacionalista, dirixida ao povo galego, e proclaman a “soberanía estética da nazón galega”, en liña coa definición dos problemas políticos e das facultades do Poder Galego. Estamos a falar do artista polifacético, que brilla no debuxo de vocación masiva, na ilustración de libros, na pintura de grande formato, na vanguarda que achega novas técnicas e perspectivas estéticas, no humorista e caricaturista crítico que nos deixou un impagábel retrato de nós en tantas estampas e viñetas, no imponente testemuño do sofrer galego nos seus álbumes de guerra (Galicia mártir, Atila en Galicia, Milicianos), como falamos do artista que polos seus debuxos mereceu ser nomeado presidente honorario da Federación Mundial de Sociedades de Negros,ou que reforzou a irmandade dos traballadores en Cuba, por riba de calquer consideración racial.

Estamos a falar do escritor profisional, que nos deixou xoias como Un ollo de vidro, Cousas, Os dous de sempre, Retrincos ou Os vellos non deben de namorarse. Estamos a falar do pensador que compón ese libro de libros que é Sempre en Galiza, onde se concentran as razóns do noso devir histórico, da restauración da nosa conciencia como galegos e do dereito a un futuro como povo. Estamos a falar do conferencista, do deputado do Partido Galeguista que nos representou nas Cortes da II República e, como ministro, no goberno no exilio presidido por José Giral. Estamos a falar do galego que se preocupou de resgatar o Estatuto plebiscitado no 28 de Xuño de 1936 e que conseguiu que tomase estado parlamentar na sesión de Cortes celebrada en Montserrat o 1º de Febreiro de 1938: grazas a aquela xestión, señorías, existen este Parlamento ou a propria Xunta na actualidade.



Falamos, en fin, de alguén que consagrou a súa vida adulta a significarnos e defendernos como povo, empregando todos os seus talentos na tarefa de retratarnos como sociedade con problemas e necesidades específicas, que non collían nos denominados intereses xerais do Estado, e que o fixo sempre desacomplexadamente, nun momento histórico como o que el viveu e que coñeceu tres terríbeis traxedias bélicas: a 1ª guerra mundial, a guerra civil española e a 2ª guerra mundial.
Toda esta riqueza, señorías, toda esta entrega patriótica, unha obra proteica e densa de máis de trinta anos da súa vida, merecen ser coñecidas, xulgadas e interpretadas polos seus descendentes, por nós, as galegas e galegos de hoxe, pois é unha obra cargada de futuro, que nos interpela a cada paso nos grandes conflitos do noso tempo. Por isto, pedimos que a Xunta de Galiza se implique na catalogación e difusión de toda a súa produción artística, que acada miles de pezas; que ela, esta obra, dispoña dun espazo de dimensións e natureza adecuadas á súa contemplación integral; que poda vir á Galiza o seu lenzo “A derradeira lección do mestre”, recluído en Buenos Aires; que no ensino, e de forma transversal, se estude e difunda a súa figura en toda a súa riqueza e fecundidade; que os meios de comunicación de titularidade pública, así como todas as vías posíbeis de difusión nas redes sociais, atendan á divulgación da súa obra; que se proceda a concertar todas as partes -persoas e institucións- para restaurar e sinalizar os espazos relacionados coa vida de Castelao. En resumo, queremos que a Xunta de Galiza, no uso das súas competencias de goberno e mandatada por este Parlamento, faga valer a súa lexítima autoridade para a implicación dela mesma e dos poderes públicos galegos en xeral nun tan necesario labor de memoria histórica galega e de dereito á contemplación e desfrute de obra tan rica e atractiva como a que el se esmerou en legarnos. A escolla de Castelao como dedicatario do próximo Día da Arte Galega, por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, de certo que será unha moi boa oportunidade para celebralo con feitos e non só con reverencias caducábeis.
Señorías, os restos mortais de Castelao ficaron por 34 anos no cemiterio da Chacarita, en Buenos Aires. En 1984, foron trasladados a esta cidade, a San Domingos de Bonaval, hoxe de novo baixo dependencia eclesiástica. “Non deixemos morrer os nosos mortos”, pedía Eduardo Blanco Amor. Este segundo enterramento non valeu para o achegar ao povo a quen dedicou todos os seus afáns senón para petrificar a súa memoria, impedindo o diálogo co noso presente e esquecendo a modernidade da súa afirmación: “Debuxei sempre en galego, escrebín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra non ficaría nada dela”.
Na nosa man, señoras e señores deputados, está coñecer, valorar e difundir esta obra, devolverlla ao povo que tan ben representa. Non fagamos Castelao vítima das súas proprias caricaturas. Se non debe ser “patrimonializado” por ninguén, como adoito se repetiu, dése a coñecer, difúndase masivamente sen censuras, permítase valoralo e xulgalo libremente, como fan decote as culturas que se estiman a si mesmas e interactúan constantemente cos seus vultos principais. A este propósito serve a iniciativa lexislativa popular que veño de defender. Se o voto de todas e todos vostedes a sanciona favorabelmente, colocarémonos non nun ponto de chegada senón nun ponto de partida para ollarnos nos espellos que nos construíron historicamente e que axudan a entendérmonos e a mellorar a nosa fortuna como povo, o noso dereito a sermos galegas e galegos a tempo completo e non a tempo parcial ou baixo permiso de poderes exteriores e superiores a nós mesmos. Castelao, señorías, non debe ter data de caducidade, como non a teñen os xenios ou as celebridades que o Estado conmemora, tamén co noso diñeiro, con diñeiro galego. Só así deixaremos de usar o seu nome en van. Só así seremos dignos herdeiros de quen pensou e traballou sempre en Galiza, de Rianxo a Buenos Aires, de Pontevedra a Madrid, da URSS a Nova Iorque, da Habana a París, mais sempre en Galiza.
Obrigada pola súa atención. Colaboren -así llelo pido- a conxurar esa pauliña histórica que nos marcou, a de que o principal dereito que se nos concedeu foi o de ignorármonos a nós mesmos ou a converter a nosa cultura nun tanatorio, tal e como o proprio Castelao intuíu agudamente:
Cando cheguei a Bos Aires -escrebe en 1941-, sentáronme nunha cadeira, cobríronme cun fanal e dixéronme que era un ‘símbolo’. Axiña comprendín que a cadeira era un ataúde, o fanal era unha sepultura i eu era o ‘difunto Castelao’. Comparábanme a Curros e a Rosalía, e cecais por eso mesmo non concebían que estivese vivo. Invitábanme a facerme o morto -a ver, ouvir e calar-, porque deste xeito recibiría moitas honras… Pero sucedeu que non quixen morrer dentro dun fanal, atafegado nunha campana pneumática, porque aínda teño moitas cousas que facer e moitas máis que decir.
Exactamente, señorías: Castelao ten moito que nos mostrar, moito que nos ensinar, moito que nos ilustrar. Fagámolo posíbel. Moitas grazas.


Verilənlər bazası müəlliflik hüququ ilə müdafiə olunur ©kagiz.org 2016
rəhbərliyinə müraciət