Ana səhifə

Declaración institucional para o impulso social da lingua galega


Yüklə 13.46 Kb.
tarix12.06.2016
ölçüsü13.46 Kb.
Declaración institucional

para o impulso social da lingua galega


En maio de 1984, hai agora 25 anos, case cen alcaldes reuníronse na capital galega convocados polo Concello de Santiago de Compostela e apoiaron unha declaración na que se manifestaba a necesidade de protexer e promover o uso da lingua galega desde a administración local. Nesa «Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Santiago de Compostela» recollíanse medidas diversas para desenvolver desde os concellos, como a valoración do coñecemento do idioma para o acceso á función pública, a programación de cursos de lingua galega, o uso do galego en toda a documentación escrita e rotulación, a creación de servizos de normalización lingüística ou a promoción social do uso do galego mediante campañas en todos os ámbitos.
Agora, 25 anos despois, desde a Corporación Municipal de Santiago queremos conmemorar, mais sobre todo renovar, actualizar e fortalecer aquel compromiso.
A normalización lingüística é un proceso social participativo que, ou é protagonizado pola propia sociedade que se implica nun proceso de cambio, ou non se consegue, e as administracións públicas teñen a obriga e responsabilidade de apoialo e promovelo. E para implicar a sociedade, as administracións deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que fagan partícipes do proceso normalizador as distintas entidades, sectores e colectivos sociais.
No camiño andado neste tempo transcorrido déronse importantes pasos na galeguización da administración local e tamén no estabelecemento dalgunhas medidas a nivel galego, xeralmente caracterizadas pola necesaria unanimidade parlamentaria. Así, mentres xa con anterioridade foran aprobados o Estatuto de autonomía, no que se oficializa a nosa lingua, e a Lei de normalización lingüística, que estabelece a obriga de as administracións fomentaren a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, neste período cómpre destacar, con incidencia directa nos concellos, a aprobación da Lei 5/88 de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, que estabelece o uso do galego nas convocatorias das sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais e o Plan xeral de normalización da lingua galega (2004), que estabelece unha serie de medidas para a normalización do galego en e desde os concellos.
Cómpre destacar tamén a aprobación neste tempo de ordenanzas e regulamentos de uso e impulso da lingua galega e a creación de servizos de normalización lingüística en diferentes concellos, ademais do desenvolvemento de diversas medidas a prol do galego en distintos ámbitos.
Aínda así, coas medidas tomadas para a normalización da lingua galega, con avances lexislativos e coa inclusión da nosa lingua en novos espazos, nestes 25 anos o uso do idioma que nos é propio retrocedeu socialmente como lingua inicial e como lingua de uso espontáneo, polo que cómpre fortalecer o compromiso das distintas administracións que teñen a obriga e responsabilidade de apoiar socialmente a normalización da nosa lingua.
Por iso, a Corporación Municipal comprométese a adoptar, entre outras, as seguintes medidas de impulso do galego desde a administración local para contribuír á normalización social da lingua galega:


  1. Adopción de todas as medidas que o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, recolle tanto para a normalización lingüística na administración local como para todos aqueloutros sectores e que poden ser aplicadas desde o Concello, así como as que recolle o Plan de normalización lingüística do Concello.




  1. Impulso do servizo de normalización lingüística municipal coas funcións de planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega en todos os ámbitos sociais e con capacidade de acción transversal no conxunto da administración e de intervención social en todos os ámbitos do municipio ou comarca.




  1. Uso do galego, tanto oral como escrito, por parte de todos os cargos do Concello no desempeño da súa responsabilidade pública.




  1. Estabelecemento de normas xerais e uniformes para a avaliación axeitada dos coñecementos de galego nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función de acordo con cada posto, e realización en galego de, cando menos, unha das probas de todos os procesos selectivos, de acordo coa Lei da función pública de Galicia, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais que requiran un coñecemento especial da lingua galega.




  1. Estabelecemento do uso do galego como lingua inicial por defecto –oferta positiva– tanto oral como escrita, en todos os departamentos e órganos do Concello e por parte de todos os traballadores e traballadoras da administración.




  1. Estabelecemento de que todas as convocatorias de axudas públicas do concello, sexan do tipo e do ámbito que sexan, valoren para a súa concesión o uso do galego na realización das accións subvencionadas, de acordo coa Lei de subvencións de Galicia, e que supoñan un aumento efectivo da presenza do galego na correspondente entidade receptora.




  1. Inclusión de oficio nos pregos de condicións e concursos da entidade local dunha cláusula na que se estabeleza que as ofertas e estudos técnicos que se presenten deberán, cando menos, estar redactados en galego, e que todos os traballos e informacións que se produzan a partir da adxudicación deberán desenvolverse en lingua galega, e preferencia por aqueles produtos e servizos que usen o galego e que o Concello contrate, utilice ou merque: equipos informáticos, telefonía móbil, equipamento técnico, programación informática, etiquetaxe de produtos, prensa, publicidade, servizos bancarios, servizos xurídicos e/ou administrativos, etc.




  1. Utilización por parte do Concello e esixencia de uso a todas as entidades que con el se relacionen da denominación galega, polo tanto, única oficial, dos topónimos galegos.




  1. Acción transversal de impulso ao galego nas diferentes accións desenvolvidas desde o Concello, desenvolvemento de campañas de normalización lingüística nos diferentes ámbitos sociais e colaboración e coordinación con outros concellos, administracións, centros de ensino, asociacións e entidades de diverso tipo para o desenvolvemento de medidas conxuntas a prol da lingua galega.




  1. Actualización do Regulamento de uso da lingua galega na administración local, onde se estabelezan, cando menos, as medidas normalizadoras sinaladas nesta declaración.


Santiago de Compostela, 24 de abril de 2009






Verilənlər bazası müəlliflik hüququ ilə müdafiə olunur ©kagiz.org 2016
rəhbərliyinə müraciət